Sunday 28 de April de 2024

Comprar no mercado municipal de Carballo desde a Candeloria ata San Valentín ten premio!


Di o refrán que “a partir da Candeloria ningunha ave voa soa”, así que aproveitamos esta xornada para lanzar un novo convite a todas as persoas que levan Carballo no corazón, e trazamos unha ponte entre os dous días do amor que se celebran no mes de febreiro (o 2, Día da Candeloria, e o 14, Día de San Valentín) para deixar vía libre ás manifestacións de benquerenza a Carballo.

Este ano decidimos centrar a campaña no mercado municipal como símbolo da tradición e da puxanza comercial do noso concello. Do 2 ao 14 de febreiro, por cada 25 euros de compra que realices nos postos da praza agasallarémoste cunha bolsa de tea coa imaxe do skyline de Carballo. Non é preciso que gastes os 25 euros xuntos nin nun único establecemento, senón que podes ir xuntando os tíckets das compras que realices ata acadar esa cantidade, e unha vez que a consigas só tes que achegarte ata a conserxería, onde chos trocarán por unha bolsa (ata fin de existencias).

E se tes can, ou cadela, tamén poderás levar unha badana reflectora co lema Eu quero a Carballo, que desde hai xa cinco anos agrupa numerosas accións que tratan de transmitir unha imaxe en positivo do noso concello. E, así, a marca Eu quero a Carballo xa forma parte da actividade cotiá e está perfectamente asumida pola cidadanía.

Froito dese traballo foi tamén, no ano 2022, a presentación do skyline de Carballo, que introduciu o corazón no nome do noso concello e que xa é unha marca oficial do Concello de Carballo rexistrada como tal na Oficina Española de Patentes e Marcas. Este ano utilizámola para que as bolsas que leves do mercado municipal representen a aposta de todas as persoas que as luzan polo comercio de proximidade.

Para seguir traballando nesa liña e introducindo novos elementos que redunden na mesma mensaxe e que favorezan un contacto máis próximo entre Administración e cidadanía, no 2023 puxemos en marcha Carballo levámolo dentro, unha acción máis que tamén segue vixente e coa que pretendemos chegar ao corazón mesmo da veciñanza e conseguir a implicación popular no obxectivo que debe unir a todos os carballeses e carballesas: facer fachenda do noso pobo.